mércores, 1 de marzo de 2017

Agora están con nós


O das mulleres ten que quedar escrito para a historia... Interésame que quede o das mulleres, porque o dos homes escribiuse sempre

Testemuño de Trinidad Gallego, loitadora antifranquista, no documental Las sin sombrero

I

En Galiza, a partir do 20 de xullo de 1936, non había moito lugar para o heroísmo. E aínda así houbo heroísmo e coraxe e afouteza en moitos homes e mulleres que se enfrontaron ao fascismo, uns coas armas e os ideais, e outros coa razón das súas conviccións irrenunciábeis. A maioría enchen aínda tumbas anónimas nos cemiterios, nas gavias, nas rías de Galiza. A maioría son mortos sen nome e sen tumba, asasinados de hemorraxia interna, sepultados no inmenso cemiterio do esquecemento.
Castelao: - Cobardes! Asasinos!
Quero falarvos dese pasado que reclama xustiza. Quero contar a dor mais tamén a coraxe e o heroísmo. Quero escribir a historia do terror e tamén a crónica da resistencia e da solidariedade. Quero falarvos das mulleres, porque o delas non pode quedar no esquecemento. Ten que quedar escrito para a historia.
Mulleres rebeldes e pioneiras, que romperon moldes e combateron por causas xustas. Mulleres inconformistas, sometidas a castigos e vexacións, tatuadas e violadas. Mulleres rapadas, obrigadas a desfilar polas rúas despois de facerlles beber aceite de ricino. Obrigadas a cantar cancións fascistas, a berrar Arriba España, entre bágoas e vómitos e as burlas dos torturadores. Mulleres comprometidas coa República e a liberdade, e tamén nais, esposas, irmás... aldraxadas e violadas. Recluídas durante corenta anos no xigantesco campo de concentración en que se convertiu o franquismo. O campo de exterminio da igualdade, dos dereitos humanos, da liberdade sexual, da escola transformadora, da democracia..., un tempo de cadeas cuxa pegada aínda pervive hoxe. Mulleres soterradas no silencio da historia, desaparecidas no amargo baleiro da historia oficial e nas catacumbas da memoria. Mulleres ninguneadas, anuladas, invisibilizadas, excluídas e que retornan cargadas co seu pesado fardel de dor e de loita e de amor.
Quixeron facelas desaparecer do mundo e da historia, mais agora están con nós e con nós fican para sempre.