domingo, 21 de agosto de 2016

RONSEL FECUNDO DE AMPARO ALVAJAR


Naceu no berce da Coruña republicana e galeguista o 11 de agosto de 1916. A filla de César Alvajar e Amparo López Jean, a irmá de Javier, María Teresa e Ana María, asombrou moi cedo a contorna polo seu talento, a súa coraxe e a súa beleza. Pola súa maneira desafiante de estar no mundo, de sobardar as normas, de ultrapasar os límites, de procurar o risco e a rebeldía. Tamén naquela casa de ideas avanzadas en que nacera e que lle quedaba pequena no seu molde conservador e burgués: a casa da mestra feminista e galeguista Amparo López Jean, a casa do político republicano e masón César Alvajar. E foi así como comezou a súa procura da vida.
A vida nova como alumna brillante no instituto, intérprete virtuosa e inconstante ao piano, campiona de natación e de remo na praia do Parrote. Unha vida feliz que se prolongou en Madrid na primavera do 36, no gabinete de Casares Quiroga, nos servizos de información da República onde compilaba notas e informes sobre a conspiración militar. Aquel foi tamén o tempo dos amores, e do amor co poeta Arturo Cuadrado, que naceu xa no Madrid asediado polo fascismo. Porque Arturo chegara á capital a mediados de xullo como integrante da Comisión do Estatuto e renunciara a voltar a Galiza, que xa estaba en poder dos militares sublevados.

Mais a fenda da guerra atravesou aquel tempo feliz. Comezou outra vida marcada pola fuxida, a separación, a fractura familiar. A supervivencia e a necesidade. A esperanza e a anguria. E un fado tráxico que lle foi poñendo probas que superar: a Valencia dos bombardeos en que casou con Arturo; a Barcelona resistente na que a súa nai, Amparo López Jean, combatía na trincheira do grupo de mulleres galeguistas e do comité executivo do Partido Galeguista e do comité de axuda aos soldados galegos; a travesía dos Pireneos naquelas interminábeis columnas da derrota, o desamparo do campo de concentración, a morte en Tolousse de Silvia, a filla de cinco meses que non puidera superar a friaxe daquel inverno e daquel exilio.
Logo chegou a partida no Massilia desde Burdeos, na mesma travesía que fixeron Elpidio e Rosina e as súas fillas Rosina e Mariví, e o comezo dunha nova vida en Buenos Aires, coa man amiga de Luís Seoane abrindo portas, imaxinando e facendo realidade soños na edición, na arte, no teatro, na comunicación, na política. E porque Amparo sempre quixo vivir a súa propia vida, dedicouse en corpo e alma ás que serían dúas das grandes paixóns da súa vida, a tradución e o teatro.

Mais aquel era un tempo de fendas, de fracturas. E pesáballe a separación de Galiza, a anguria polas penalidades da familia, dividida entre A Coruña na que ficara agochado o seu irmán Javier e o exilio francés no que sobrevivían os seus pais e as súas irmás. Até que chegou a nova da morte en Moutauban, o 12 de novembro de 1942, da súa nai, de Amparo López Jean, a muller valente que dirixiu a Agrupación Republicana Feminina da Coruña e que se mantivo fiel a Galiza e á República até o último alento.

Malia os golpes da vida, Amparo Alvajar seguiu facendo o seu propio camiño. E chegou a separación de Arturo e un novo matrimonio onde foi feliz por breve tempo. E a partida de Arxentina en 1955 na procura de novos horizontes. Primeiro en Nova York como tradutora da ONU. E logo a volta a Europa, a París e a Xenebra, como tradutora do Correo da Unesco e da Organización Internacional do Traballo. E o reecontro de todos os irmáns, por primeira vez desde a primavera do 36, canda a morte do seu pai, César Alvajar, no ano 1965 en París.
E ela seguiu vivindo a súa vida, chea de paixón e de novas procuras. Foi unha prestixiosa tradutora e unha infatigábel animadora de proxectos teatrais. A súa correspondencia daqueles anos deixa ver toda a paixón e toda a dor que a rodeaba. A da perda. A da separación da Terra e das persoas queridas. A da enfermidade. O remedio imposíbel do alcool. As horas interminábeis de traballo. O desacougo que non a abandonou nunca.

Nunca quixo voltar. Nos últimos anos, cando tiña unha boa posición económica como xubilada, mercou unha casa en Monçao, para estar preto de Galiza, á que segundo ela a unía un sentimento vexetal. Máis nunca volveu. Viviu alí a amargura dos últimos anos, a soidade, as decepcións que chegaron coa transición. E morreu alí o 17 de abril de 1998 e alí ficou para sempre o seu ronsel fecundo, a súa estela de luz, de dignidade, de coraxe e de dor.

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario