sábado, 31 de xaneiro de 2015

O DÍA QUE DEMOCRACIA SE CHAMOU LUCRECIA

Para Anxo González Guerra, o meu primeiro mestre de galego no instituto de Pontevedra, exemplo de vida digna, que me ensinou a amar a miña Lingua e a miña Terra

“A partir del 18 de julio de 1936 empiezo a sufrir persecución por asuntos políticos teniendo que presentarme en el cuartel de la Guardia Civil de Moaña un día si y otro no; cierto día el sargento me invita a ponerme a sus órdenes y a colaborar con ellos y que no me pasaría nada, yo le dije que eso nunca, antes muerto que avergonzado” 
(Diario inédito de José Casal, veciño de Vilaboa preso durante catro anos no Lazareto de San Simón e no Forte de San Cristóbal).

Casilda díxolles aos fillos que José tiña escritos, que cando morrera xa saberían... O que non lles dixo é que a ela a raparan os falanxistas cando foron deter o seu home en setembro de 1936. E que gardou o cabelo como símbolo da aldraxe daquel tempo infame. O tempo azul no que campaban as sotanas, as correaxes e os uniformes militares.

Casilda Rosendo e José Casal casaron en San Adrián de Cobres, concello de Vilaboa, e en 1932 tiveron unha filla á que lle chamaron Democracia. José, o seu irmán Belarmino e  seu curmán Rogelio Casal eran carpinteiros de ribeira, militantes socialistas e directivos da Sociedad de Agricultores e da Sociedad de Obreros de Construción Naval, afecta á UGT. Despois do 20 de xullo sufriron un inferno de persecución, de humillación e de dor, compartido polas súas mulleres e os seus fillos. Unha tortura física e psicolóxica que os acompañou toda a vida co seu ronsel invisíbel de tristeza e de amargura.



José Casal (sentado),
Belarmino Casal (centro)
e Rogelio Calvar (dereita)
Si, Pepe Casal tiña escritos. Escribiu un diario conmovedor no que relata con detalle os días de terror, os anos de cadea, de silencio, de medo; o acoso interminábel que sufriron na súa familia; o rasto das feridas que non deron curado nunca... Mais houbo marcas naquela casa que non aparecen no Diario, centrado no relato da persecución dos primeiros días, na crónica das detencións e interrogatorios, do expolio, da prisión en San Simón (co seu irmán Belarmino e o seu curmán Rogelio Calvar) coas noites de anguria e os día de traballos forzados, da viaxe humillante até Pamplona e as condicións infames en que sobreviviron no Forte, da fuga do 22 de maio de 1938... Do día en que foi detido, o 8 de setembro de 1936, e do día en que chegou á estación de Redondela coa liberdade condicional, o 8 de setembro de 1940.

Hai marcas que permanecen aínda visíbeis, que o tempo non dá borrado. Como aquel día de 1936 en que levaron á igrexa á filla, Democracia Casal Rosendo, e a bautizaron nunha pía separada xunto con outros nenos de familias republicanas. Desde aquela data chamouse Lucrecia Casal Rosendo. E coma ela outra nena que se chamaba Libertad e que foi bautizada como Berta. Aquel día, na igrexa de San Adrián de Cobres, oficiouse o final daqueles nobres ideais –Democracia, Liberdade- na imposición do sal do bautismo a dúas nenas que naceran nun tempo de luz e de horizontes abertos.

José Casal escribiu aquel diario para lembrar, para que se soubese a verdade, para denunciar a inxustiza de tantos crimes impunes. Para que se convertese co tempo nun alegato, nunha acta acusatoria contra a barbarie fascista. E no relato claro de tantas vidas dignas e de tantos heroes sen nome.

Mais tamén quizais para non ter que falar, para instaurar o silencio naquela casa na que nunca máis se volveu contar o que pasara. Naquela casa na que os días 8 de setembro non se traballaba, porque era unha data cargada dunha dor profunda, impresa na fondura da alma, coa amargura da humillación e da derrota.

Esa amargura convertiu a José Casal nun home de poucas palabras, reservado, pensativo, sensíbel, que non podía evitar chorar nas ceas de Noiteboa. E que gardou todos os segredos, todas as renuncias e todas as pequenas vitorias da dignidade humana, nun caderno que conservou coma un tesouro no interior da súa casa, na profundidade da súa alma magoada e chea de grandeza.


Páxina final do Diario inédito de José Casal Fernández
(propiedade da familia de José Casal)
Nota. A Asociación A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa ten intención de publicar o caderno do Diario de José Casal Fernández, polo seu extraordinario valor como documento histórico e como testemuño dos ideais nobres e das vidas dignas que foron tronzados polo fascismo e a Ditadura.

sábado, 24 de xaneiro de 2015

AS ACTAS DA DIGNIDADE: BELARMINA ORDÓÑEZ

Para Belarmina Ordóñez, que cumpre 99 anos o 30 de xaneiro de 2015

Salimos voluntarios para ir al pueblo a buscar agua a la fuente. Recibimos ropa y ayuda de las mujeres del lugar. Había muchos rojos. Es el único recuerdo agradable de mi permanencia en Rianxo (Testemuño do preso Benito Caballero, citado no libro Rianxo na guerra civil. Campo de concentración de prisioneiros de guerra)

Cando en novembro de 1937 chegaron a Rianxo os presos asturianos, Belarmina lembrouse de Miguel, o seu noivo preso nun campo de concentración de Asturias. Coñecérao en Vilagarcía a mediados dos anos 30, cando se trasladou desde Rianxo para traballar como criada na casa de Carmen López. Miguel Sanmartín militaba na CNT e en xullo de 1936 participou na resistencia ao golpe militar e despois fuxiu ao monte Xiabre. Cando o detiveron estivo preso un tempo e despois foi mobilizado no éxercito franquista. Mais o seu corazón estaba do outro lado e no Ebro pasou ao exército da República. Caiu prisioneiro en Teruel e sufriu anos de cadea en diferentes campos de concentración e batallóns de traballadores en Asturias.

Campo de concentración de Rianxo,
 na Fábrica do Castelo
Sempre que vía aos prisioneiros da Fábrica do Castelo que saían a traballar nas rúas -malvestidos, suxos, derrotados-, Belarmina imaxinaba as que estaba a pasar o seu Miguel na soidade dun campo de concentración asturiano. Imaxinaba o frío, o silencio, a desesperación. O maltrato, a humillación. As longas noites de insomnio, e os días interminábeis.
Por iso, o día que aquelas dúas señoras lle preguntaron á súa nai se sabía dalgunha muller que quixera lavarlle a roupa aos presos, Belarmina díxolles que si, que ela queria: -Eu voulle lavar a roupa, porque quen sabe quen lla lavará ao meu Miguel... Desde aquel día fíxose madriña de 6 mozos asturianos encarcerados na antiga Fábrica do Castelo. Laváballes a roupa e leváballes comida. Como só lles deixaban levar pan, baleiraba os bolos e enchíaos con ovos escalfados e chícharos.

Belarmina colleu confianza co sarxento do campo e deixábana entrar. Foi entón cando viu as condicións infrahumanas nas que vivían aqueles homes: a falta de hixiene, a humidade, o frío, o chan terreño no que durmían, a tristeza que invadía aquel lugar sinistro, un espazo lúgubre que aquel día ficou alumeado polo rosto de Belarmina, polo vestido vermello que escolleu para a ocasión, polos aplausos dos presos que se xiraban para mirala: Ahi viene la roja...

No inverno do 37, Andrés de la Torre, un dos mozos que ela atendía, un rapaz de 18 anos, púxose enfermo. Belarmina foi visitalo. Estaba moi maliño. Leváballe leite e medicinas. Andrés pediulle que lle escribira á súa nai, que lle dixera que non ía voltar máis á casa. E que lle levara flores cando morrera. Sabedora da situación, Olegaria Gonçalves, a nai de Rafael Dieste, mandoulle aviso a Belarmina de que tiñan un panteón a disposición, se morría o rapaz.


Belarmina Ordóñez e Miguel Sanmartín
Veu un irmán visitalo mais, aos poucos días de marchar de volta para Asturias, Andrés morreu. Enterrárono no panteón dos Dieste. Tempo despois marcharon os compañeiros de Andrés e un deles, Tomás, avisouna. Díxolle que cando pasaran por diante da súa casa íanlle cantar unha canción. E así foi, aqueles homes cansos, derrotados, exhaustos... entoaron a cantiga da despedida: Pasa un río por tu puerta/ y no me dás de beber/ Teniendo el agua tan cerca/ me dejas morir de sed...
Rematada a guerra, pecharon o campo de concentración de Rianxo. Despois de pasar case 6 anos en distintos prisións en Asturias, Miguel voltou a Vilagarcía. Malia a persecución, as ameazas, as miradas oblicuas, malia a adversidade daquel tempo escuro, Miguel Sanmartín e Belarmina Ordóñez casaron e foron sacando adiante a casa e os fillos que viñeron.

Uns seis anos despois da morte de Andrés, chegou un irmán seu a Vilagarcía preguntando por Belarmina. Casara e viñera de viaxe de noivos a Galiza. Carmen, a súa nai, cando lle preguntou que quería que lle levara de agasallo díxolle que quería o corpo do fillo. Entón Belarmina fixo o máis grande aceno da solidariedade, a expresión máis clara da súa grandeza de muller solidaria, de muller xenerosa, de muller valente. Foi falar con don José Fariña, o cura de Rianxo. Pediulle permiso para desenterrar o corpo de Andrés, para que o seu irmán, Pedro, lle puidera devolver á nai o corpo daquel rapaz de 18 anos que os fascistas lle arrancaron dos brazos, da casa onde o tiña agochado. Coa axuda do enterrador, Belarmina, Miguel, Pedro e a muller deste, desenterraron clandestinamente os osos e leváronos en caixas de cartón para Vilagarcía. Belarmina e Miguel gardáronos uns días no faiado da súa casa e dias despois entregáronllos a Pedro na estación de tren.
Hoxe Belarmina é un gran símbolo da memoria viva, da memoria resistente. Unha luzada de amor e de xenerosidade, unha labarada xigantesca no medio da noite e da infamia do franquismo. Unha presenza que nos fala das vidas xenerosas, dos acenos valentes, das mans comprometidas e solidarias. Unha voz rexa en loita contra o esquecemento. Un nome maior do grande libro da dignidade.

PD A miña gratitude a Margarita Teijeiro, que me entregou a súa arca da memoria de Vilagarcía, un celeiro vizoso de nomes e vidas que ela contribuiu decisivamente, con coraxe e teimosía, a sacar das tebras do esquecemento.
Fontes:

-Entrevista de Olalla Bouza a Belarmina Ordóñez (Arquivo de Margarita Teijeiro)

-Montse Fajardo: “Belarmina, la enfermera del vestido rojo”, Faro de Vigo, edición Arousa, 21-X-2003
-Comoxo, Xosé; Costa, Xesús; Santos, Xesús: Rianxo na guerra civil. Campo de concentración de prisioneiros de guerra

 

 

sábado, 17 de xaneiro de 2015

DAS CASAS REFUXIO. LUME EN LOUREDO

 Que o noso lume non queime as nosas casas.
 Que outro noso lume faga resplandecer o mundo.
Carmen Blanco

Tomás Matilde tiña 17 anos en 1937. Vivía na casa de Louredo (Mos) coa nai e os irmáns. O pai, Ángel Matilde Miguélez (a) Cataplín, de 44 anos, empregado de telégrafos, andara fuxido co grupo do Fresco mais aquel inverno fora extremadamente húmido e frío e decidiu esconderse na casa.

Fixeron un tobo escavado na terra e alí Florentina Fernández e os fillos agocharon o pai. Os rapaces facían quendas nos arredores para detectar a presenza das bandas de cívicos e falanxistas que ían con regularidade á casa para interrogalos e ameazalos. A resposta era sempre a mesma: o pai marchara ao monte e non souberon máis del.

Tomás ía decote á tenda da aldea. Un día a tendeira entregoulle un paquete con tabaco, un chisqueiro, utensilios para barbear... O rapaz preguntou extrañado para quen era mais a muller díxollle que a súa nai xa sabía. Cando chegou á casa, o pai ficou demudado: -Xa estamos descubertos!
Cadro de Leopoldo Nóvoa da serie
 Next Time The Fire (1993)
Ás poucas horas apareceron na casa 4 coches con falanxistas e cívicos. Preguntaron por Ángel Matilde. Sabían que estaba alí, naquela casa, porque Florentina ía buscar o peixe a Redondela e compraba o Faro. E non sabía ler. O do tabaco fora un engado para confirmar a sospeita. Un garda civil colleu aos pequenos no colo e deulle caramelos. Mais os nenos dixeron que non sabían onde estaba o pai. Entón colleron a Tomás, o maior. Díxolles que o pai marchara para o monte. Colgárono polos pés nunha viga do teito e comezaron a mallar nel para que lles dixera onde estaba. O rapaz mantivose firme. O pai tamén, inmóvil no seu tobo, a tan só uns metros da tortura e dos berros do fillo. Os falanxistas colleron un brazado de palla e simularon que ían prenderlle lume para queimalo mais el sabía que o facían para asustalo, para que delatase o pai.

Frustrados pola resistencia do mozo deciden baixalo ao chan. Vísteno de falanxista e lévano ao monte, para que lles indique o agocho. Percorren os penedos e as covas e disparan contra os posibles refuxios mais non atopan nada. Cando voltan á aldea dinlle ao rapaz que se ispa de medio corpo para riba. Un garda civil cortou unha póla de carballo e empezou a mallar nel até case facelo perder o coñecemento. Mais o mozo mantívose firme.
Cando chegaron á aldea a casa estaba ardendo. Como Ángel Matilde Cataplín non aparecía, os cívicos plantáronlle lume. Florentina e os nenos refuxiáronse na casa de Fermina. A muller non puido soportar a dor e cos seus berros descubriu o agocho e a morte do home. Levárona detida. A Florentina Fernández Alonso, de 43 anos, matárona en Budiño (Salceda de Caselas). Os documentos oficiais deixaron rexistro da infamia: “morte en combate sostido coas forzas do exército”. Segundo diversas fontes orais, estaba embarazada de sete meses.

Os rapaces foron para Saxamonde coa familia da nai. Despois separáronos, foron vivir a distintas casas. Á máis pequena, que tiña 18 meses, os falanxistas buscáronlle unha boa casa. Mala conciencia. Dous foron para Vigo, outro para Ourense, e outro para Ribadeo. A onda espansiva do terror: unha casa queimada, un corpo carbonizado, feito cinza, recollido nunha lata  de gas e enterrado clandestinamente no cemiterio. Unha nai violada, mutilada, asasinada coa criatura que levaba no ventre. Unha familia tronzada polos partidarios do crime, polos defensores da cruz, da orde, da familia...

Tomás foi para Cesantes. Nunca puido esquecer aquel tempo de terror, de dor, de coraxe. Aquel tempo de lume e de cinza.

Nota.- A información aquí recollida foi elaborada a partir da entrevista a Tomás Matilde, realizada no marco do proxecto Nomes e voces.

sábado, 10 de xaneiro de 2015

CASAS REFUXIO NO PORTO

E son eles os ladróns de palabras
os que cambiaron a porta da túa casa
mudaron o postouro da chave
os mesmos que lle roubaron o teu rosto ás fotografías
e despezaron as monecas
e ciscaron polo chan as letras do teu nome

Marga do Val: fragmento do poema “Exilio”, in A cidade sen roupa ao sol, Espiral Maior, 2010.

                          Para Marga, no tempo adverso. Coa aperta do agarimo e da amizade

Verán de 1936. Coches que atravesaban a fronteira pola ponte de Tui con segredos gardados no maleteiro e billetes novos para os gardas. Taxis en dirección a Guillarei, última estación antes de pasar o río en barcas clandestinas. Fugas en barcos de pesca desde a Costa da Morte, motoras que atracan en Leixoes coas redes baleiras e unha tripulación de mariñeiros con destino incerto. Antigos camiños do contrabando transformados en rotas de fuxida, con abeiro nas brandas de Castro Laboreiro, Abeleira ou Sistelo, tempo de calor e alimento antes da viaxe en automóbil até Porto. Mozos que cruzan a nado a fronteira do Miño en viaxes de ida sen volta, travesías cheas de risco e vertixe fuxindo do medo, da noite, das cunetas. E tamén corpos afogados, baleados, mortos na intemperie daquel tempo de terror. Corpos anónimos, que nunca volveron.

Naquel verán caloroso, e no tempo que veu despois, centos, milleiros de homes e mulleres procuraron refuxio no outro lado da raia, na outra beira do río. Fixérono ao principio cos propios medios e despois coa cobertura de organizacións políticas, da masonaria, de consulados e embaixadas... Sofisticadas redes de evasión que na Segunda Guerra Mundial foron reconvertidas para trasladar a Portugal a xudeus e soldados aliados. Non había nada seguro ao outro lado, naquel país tamén sometido pola Ditadura, mais había quen asumira o risco e había casas refuxio, casas humildes e rebosantes de xenerosidade de campesiños nas montañas do interior, lares abastados e solidarios na cidade do Porto.
 
Casas refuxio no Porto coma a de Silo Cal Muiños, natural de Redondela e empregado da Casa Graham, e Amelia Almeida Brandao, e dos seus fillos Carlos, Silo e Mario Cal Brandao. Que acolleron a finais de 1937 a Isabel Gómez Costas, que fuxira de Redondela con seis fillos despois do asasinato do seu home, Telmo Bernárdez, despois do inferno de mentiras, de cárcere, de humillación e silencio en que se convertiu a súa vida a partir do 12 de novembro de 1936. Isabel estivera recluida durante un ano naquela casa de Redondela chea de lembranzas, naquela casa chea de pesadelos, onde nunca máis volveu soar o piano... No Porto si, na casa dos Cal Brandao, alí recibiron Isabel e os seus fillos coidado e agarimo e alimento, e os billetes dun barco noruegués con rumbo a Bordeos, o principio dunha viaxe interminábel cara ao desterro e ao esquecemento.

Tarxeta de Luís Ferreira (Juan Tizón)
 dos ferrocarris do Porto, 1942
Casas refuxio no Porto coma a Luís Alves Carvalho e Herculana de Carvalho, (que grande muller Herculana!) e os seus fillos, Guilherme e Luísa, lugar de abeiro e agarimo para Juan Tizón, militante socialista, alcalde de Monforte en xullo do 36, agochado en diferentes lugares até o inverno de 1939 en que pasa a Portugal por Celanova e é trasladado a un refuxio seguro no Porto polo avogado Antonio Ribeiro da Silva, de Viana do Castelo.

No Porto, baixo a protección dos Alves de Carvalho, Tizón recibe unha nova identidade, Luís Ferreira; recibe agarimo, alimento, casa e traballo. Reside na avenida de Boavista, nunha casa de hóspedes rexentada por Teresa Brandao. Juan Tizón foi un sobrevivente. Un refuxiado en terra extraña, distante e acolledora, coa maleta sempre preparada para partir. En 1942 aparece la listaxe de pasaxeiros do vapor Nyassa, na expedición organizada pola Junta de Ayudas a los Refugiados Españoles (JARE) e a embaixada de México en Portugal, mais extrañamente non consegue sair. Entretanto, na soidade do desterro, coa saudade da familia distante, escribe poesias, novelas, contos. Viaxa por diferentes cidades de Portugal, desde onde envia cartas e tarxetas postais á familia coa identidade falsa de Herminia, simulando ser unha amiga. Coa saúde quebrada polos anos de persecución e clandestinidade en Galiza -tempo de friaxe, de fame, de intemperie-, Juan Tizón morreu no Porto o 25 de decembro de 1945 e foi soterrado no panteón da familia Alves de Carvalho, na freguesia de Bonfim. Un último acto de xenerosidade de quen forneceu todo o agarimo posíbel a aquel home que nunca puido volver á súa casa, á súa Terra.


Ismael, Herminia Tizón, Herminia Ramos
Isabel Tizón, Luís Ramos, Luisa Alves e
diante os fillos de Herminia Tizón e Ismael
PS Este relato quere ser unha homenaxe á memoria das persoas refuxiadas e dos homes e mulleres que lles deron protección e abeiro en Portugal con risco das súas vidas. A historia de Juan Tizón (Luís Ferreira) tamén é a crónica aínda non contada da amargura que sufriron a súa muller, Herminia Ramos, e as fillas Herminia e Isabel, sobreviventes tamén do inmenso cárcere do franquismo, daquela soidade e aquel silencio que
non as abandonou nunca. Mulleres que foron sometidas a vixilancia e persecución durante anos, que agardaron a volta do marido e do pai, que recibiron as súas cartas enviadas desde toda a xeografía po
rtuguesa, e que tempo despois seguiron cultivando a amizade da familia Alves de Carvalho e da familia Brandao, e levaron flores á última estación do corpo de Juan Tizón, no Porto.

Agradecementos: Raúl Solleiro Mella, Luisa Tiago de Oliveira

Fontes:
Rosa López González: Juan Tizón Herreros. El pensamiento hecho palabra, Fundación Luís Tilve, 2010. (As imaxes que ilustran este artigo proceden deste libro; aínda que a calidade non é boa, son documentos de grande valor histórico).

Seis cregos escollidos (Versos divinos). Poemario escrito por Juan Tizón Herreros, no exilio e no silencio, nos anos da guerra civil. Edición e prólogo de Xesús Alonso Montero, Madrigal, 2001.

Blog Silencios e Memorias http://silenciosememorias.blogspot.com.es/2013/12/0421-herculana-de-jesus-da-costa-dias.HTML


sábado, 3 de xaneiro de 2015

DAS CASAS REFUXIO: MASACRE NA BOUCIÑA

Para Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, construtores da gran casa refuxio da memoria resistente

Tiñamos arados, tiñamos bois, tiñamos un becerro, tiñamos unha arca, unha casa, e levaron todo no 37, o 18 de marzo de 1937. Ata había unha galiña con pitos e tamén a levaron. Queimáronme a casa. Leváronme todo e deixáronme nada máis que coa roupiña do lombo. Leváronme para o cárcere e alí mesmo os presos fixéronme para me vestir... (Testemuño de Magdalena Caride Fernández, da casa da Bouciña, recollido en GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939. La guerra ha terminado... hace 60 años e Vigo, IEV, 1999)

O 17 de marzo de 1937 o sangue correu a regos no lugar da Bouciña e no cemiterio de Lavadores. É o relato amargo do terror falanxista, que se multiplicaba con cada acto de resistencia, e que nos primeiros meses de 1937 perseguiu con saña aos defensores da liberdade e deixou unha longa estela homicida en todo o país.

É tamén a crónica dunha historia ben fermosa, a das casas refuxio. Casas de acollida, celeiros de amor e de solidariedade, naqueles tempos de intemperie, de invernía, de soidade, de medo... Casas nas que se habilitaron faiados, cortellos, casoupas, canastros, tobos, covas, pozos, minas, fornos, bocois..., nas que se acondicionaron espazos ocultos, lugares de agocho, de alimento, de agarimo, e tamén de insomnio e desasosego.

Casas refuxio coma a da Torre, de Josefa Barreiro, e a de Cea, de Pilar Fernández Seijas, en Vilagarcía; a de Emilia Cabaleiro en Cabeiro (Redondela); a de Ángela Iglesias Rebollar, A Protestante, e José García Niebla no barrio do Toural en Teis (Lavadores); a de Josefa Becerra Laíño en Marcelle-Vilacova (Lousame); a casa da Torre en Salcedo (Pontevedra), de Ramón e Consuelo Acuña... Fogares protectores, calorosos, fronte ao frío e a fame dos primeiros meses no monte. Casas axexadas, asaltadas, rexistradas, ametralladas, queimadas, saqueadas, coma todas estas e moitas outras das que falaremos.

Coma as casas refuxio da Bouciña (Lavadores) -comunicadas mediante pasadizos con unha grande cova refuxio de fuxidos resistentes-, fogar da grandeza dos sentimentos dos seus moradores martirizados, lugar da masacre abominábel do 17 de marzo de 1937. Aquel día unha banda terrorista formada por falanxistas, cívicos e gardas civís rodeou a casa refuxio na que vivían Matilde González Rodríguez, xornaleira de 58 anos, o seu fillo Alfredo Fernández González, xornaleiro de 31 anos, e a súa nora Magdalena Caride Fernández, empacadora de 26 anos, que estaba preñada e tiña un fillo de 2 anos, chamado Alfredo. E a casa refuxio de Mercedes Posada González, de 48 anos, na que vivían os seus fillos Alfonso Fernández Posada, xornaleiro de 31 anos, Carmen Fernández Posada, empacadora de 22 anos, Mercedes (13 anos) e Isidoro (8 anos). E un grupo de integrantes da resistencia armada que conseguiron escapar por unha das bocas da cova que daba ao monte.
Aquel 17 de marzo de 1937, día da infamia fascista e tamén día da grandeza do pobo solidario, o muros do cemiterio de Lavadores tinxíronse de loito e de sangue. Alí foron asasinados, a plena luz do día nunha escena estarrecedora, Matilde González e o seu fillo Alfredo Fernández. E Mercedes Posada co seu irmán Paulino Posada, e o seu fillo Alfonso Fernández Posada. E Severino Carrera Martínez, xornaleiro de 26 anos. Outro dos habitantes da casa refuxio, José Caride Fernández, serrador de 19 anos, foi asasinado o día seguinte, 18 de marzo. E non rematou aquí a matanza. O home de Matilde, Domingo Fernández Lago, ferreiro de 49 anos, que conseguiu escapar daquel día de terror, sería asasinado no Campo do Casal (Lavadores), o 9 de abril de 1937.

Carmen Fernández Posada e Magdalena Caride Fernández, que estaban preñadas, foron detidas e procesadas. Carmen e os seus irmáns e Magdalena ficaron no mundo, na soidade e no silencio do tempo que veu despois, na travesía interminábel pola amargura e pola fame das familias expoliadas e martirizadas. Ficaron para resistir, para sobrevivir despois daquela masacre. E para contar algún día o que pasou nas casas da Bouciña o 17 de marzo de 1937, cando o sangue correu a regos desde o cemiterio de Lavadores. Aqueles días de vidas solidarias devastadas, de casas refuxio queimadas. Aquel tempo de dignidade e de crimes impunes.

Fontes:
Fondos do proxecto Nomes e voces http://www.nomesevoces.net/

Vermellas. Chamábanlle “Rojas” http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion-panel/vermellas/

ABAD CASTRO, Xoán Carlos: Héroes o forajidos. Fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo, IEV, 2005.
BLANCO, Carmen: Casas libertarias de mulleres anarquistas. A resistencia anarquista das mulleres despois de 1936, CNT, 2007

GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: 1939 La guerra ha terminado... hace 60 años en Vigo, IEV, 1999.