martes, 25 de marzo de 2014

A noite das nenas costureiras

Tucha ten 89 anos e foi unha nena costureira. Hoxe volvín a Paredes e ela abriu para min as páxinas máis amargas do libro do esquecemento, as que falan do medo, da cadea, do tobo na corte, da fame, da enfermidade, da infancia roubada, das longas noites das nenas costureiras, ela e mais a súa irmá cosendo roupas militares para a fábrica de Regojo no ano 37 mentres o pai malvivía coma un animal acosado no tobo que lle fixera a súa muller na corte do gando.

Nos últimos días de xullo os cívicos xa estaban alí, no Peto, revolvendo todo, arrasando todo, devastando todos os sinais de miseria que se xuntaban na casa familiar. Mesmo botaron abaixo as mazás, “a única riqueza que había naquela casa”, para que non as puideran comer. Pero Manuel de Socorro non estaba alí, xa procurara agocho no monte porque sabía o que querían aqueles emisarios do terror.

Esa mesma noite a muller e as fillas maiores foron ao monte da Costa e baixaron uns piñeiros para construir a cova na corte do gando, o que ía ser agocho secreto de Manuel de Socoro durante tres anos interminábeis, máis de mil días de anguria e desesperación e enfermidade e acoso até que na primavera de 1939 chegou un novo gobernador a Pontevedra e moitos fuxidos caeron no engado e decidiron entregarse.

Tucha garda coma un tesouro a memoria do pai e da nai, garda lembranza da solidariedade e tamén xenreira. Naqueles anos campaban os lobos. Os extorsionadores. Os delatores e os asasinos. Emocionoume cando falou do día que foi ao Lazareto, nos días da Illa da Memoria. Escoitou na voz de Matías a historia do presidio e pediulle o libro no que estaban escritas as vidas daqueles compañeiros do seu pai.

Hoxe as mans daquela nena costureira rescatan na profundidade do tempo as páxinas do libro do esquecemento, as estampas da amargura e da dignidade; e entón eu quero devolverlle o fiscorno que lle incautaron a Manolo de Socorro, entregarlle un cesto cheo de mazás e prometerlle que a chama da memoria dos seus pais non se apagará nunca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario