mércores 24 agosto 2016

Unha imaxe para a historia


O 15 de xullo de 1936, unha delegación do comité galego pro estatuto, da que formaban parte entre outras persoas Bibiano Fernández Osorio Tafall, José López Bouza, presidente da Deputación da Coruña, Ánxel Casal, alcalde de Santiago e vicepresidente da Deputación da Coruña, Daniel Castelao, e Arturo Cuadrado fai entrega nas Cortes do texto do estatuto aprobado maioritariamente no plebiscito do 28 de xuño.
María Miramontes entre López Bouza e Ánxel Casal
Dous días despois prodúcese o levantamento militar fascista que tronza as arelas de autogoberno do pobo galego. Galiza fica en poder dos militares rebeldes a partir do dia 20 de xullo, e a maior parte dos integrantes da delegación pagan un alto prezo: o asasinato, o cárcere, o exilio. Casal e López Bouza foron asasinados o 19 e o 30 de agosto de 1936. Tafall, Castelao e Cuadrado salvaron a vida porque permaneceron en Madrid, defenderon a República coas armas, as letras e as ideas até o último intre e permaneron fieis a Galiza cada un dos días do exilio que comezou en 1939.
Na imaxe só aparece unha muller, María Miramontes. A compañeira de Casal, a muller que teceu unha patria coas súas mans de costureira. A integrante das Irmandades da Fala, a mecenas das Escolas do Ensiño Galego e da Editorial Nós, a militante do Partido Galeguista e da causa do Estatuto.
A Ánxel Casal sacárono do cárcere de Santiago unha noite de agosto e o seu corpo acribillado apareceu nunha curva en Cacheiras, no concello de Teo. Para María Miramontes comezou daquela o tempo da dor, da ausencia, da soidade. O saqueo da imprenta e da editorial Nós, as multas, o expolio da empresa familiar e a obriga de facer fronte as débedas. Tragando as bágoas da humillación e da derrota, saiu adiante coa súa sona de costureira e seguiu tecendo para facerlle fronte ao terror. Até que non puido soportar máis vivir naquel cárcere e en decembro de 1936 colleu un barco en Lisboa cara a un exilio do que nunca máis volveu.
Levou con ela unha maleta chea de amor, una maleta cargada de dor. Ateigada de dignidade e de coraxe, de afouteza e de rábia. E cada un dos días que lle quedaban por vivir, até o 17 de setembro de 1964, cumpriu a promesa que fixera ante o corpo sen vida do seu home: nunca deixar de lembrar, nunca deixar de amar a súa patria, nunca deixar de tecer soños de liberdade. María Miramontes, tecedeira do alén

domingo 21 agosto 2016

RONSEL FECUNDO DE AMPARO ALVAJAR


Naceu no berce da Coruña republicana e galeguista o 11 de agosto de 1916. A filla de César Alvajar e Amparo López Jean, a irmá de Javier, María Teresa e Ana María, asombrou moi cedo a contorna polo seu talento, a súa coraxe e a súa beleza. Pola súa maneira desafiante de estar no mundo, de sobardar as normas, de ultrapasar os límites, de procurar o risco e a rebeldía. Tamén naquela casa de ideas avanzadas en que nacera e que lle quedaba pequena no seu molde conservador e burgués: a casa da mestra feminista e galeguista Amparo López Jean, a casa do político republicano e masón César Alvajar. E foi así como comezou a súa procura da vida.
A vida nova como alumna brillante no instituto, intérprete virtuosa e inconstante ao piano, campiona de natación e de remo na praia do Parrote. Unha vida feliz que se prolongou en Madrid na primavera do 36, no gabinete de Casares Quiroga, nos servizos de información da República onde compilaba notas e informes sobre a conspiración militar. Aquel foi tamén o tempo dos amores, e do amor co poeta Arturo Cuadrado, que naceu xa no Madrid asediado polo fascismo. Porque Arturo chegara á capital a mediados de xullo como integrante da Comisión do Estatuto e renunciara a voltar a Galiza, que xa estaba en poder dos militares sublevados.

Mais a fenda da guerra atravesou aquel tempo feliz. Comezou outra vida marcada pola fuxida, a separación, a fractura familiar. A supervivencia e a necesidade. A esperanza e a anguria. E un fado tráxico que lle foi poñendo probas que superar: a Valencia dos bombardeos en que casou con Arturo; a Barcelona resistente na que a súa nai, Amparo López Jean, combatía na trincheira do grupo de mulleres galeguistas e do comité executivo do Partido Galeguista e do comité de axuda aos soldados galegos; a travesía dos Pireneos naquelas interminábeis columnas da derrota, o desamparo do campo de concentración, a morte en Tolousse de Silvia, a filla de cinco meses que non puidera superar a friaxe daquel inverno e daquel exilio.
Logo chegou a partida no Massilia desde Burdeos, na mesma travesía que fixeron Elpidio e Rosina e as súas fillas Rosina e Mariví, e o comezo dunha nova vida en Buenos Aires, coa man amiga de Luís Seoane abrindo portas, imaxinando e facendo realidade soños na edición, na arte, no teatro, na comunicación, na política. E porque Amparo sempre quixo vivir a súa propia vida, dedicouse en corpo e alma ás que serían dúas das grandes paixóns da súa vida, a tradución e o teatro.

Mais aquel era un tempo de fendas, de fracturas. E pesáballe a separación de Galiza, a anguria polas penalidades da familia, dividida entre A Coruña na que ficara agochado o seu irmán Javier e o exilio francés no que sobrevivían os seus pais e as súas irmás. Até que chegou a nova da morte en Moutauban, o 12 de novembro de 1942, da súa nai, de Amparo López Jean, a muller valente que dirixiu a Agrupación Republicana Feminina da Coruña e que se mantivo fiel a Galiza e á República até o último alento.

Malia os golpes da vida, Amparo Alvajar seguiu facendo o seu propio camiño. E chegou a separación de Arturo e un novo matrimonio onde foi feliz por breve tempo. E a partida de Arxentina en 1955 na procura de novos horizontes. Primeiro en Nova York como tradutora da ONU. E logo a volta a Europa, a París e a Xenebra, como tradutora do Correo da Unesco e da Organización Internacional do Traballo. E o reecontro de todos os irmáns, por primeira vez desde a primavera do 36, canda a morte do seu pai, César Alvajar, no ano 1965 en París.
E ela seguiu vivindo a súa vida, chea de paixón e de novas procuras. Foi unha prestixiosa tradutora e unha infatigábel animadora de proxectos teatrais. A súa correspondencia daqueles anos deixa ver toda a paixón e toda a dor que a rodeaba. A da perda. A da separación da Terra e das persoas queridas. A da enfermidade. O remedio imposíbel do alcool. As horas interminábeis de traballo. O desacougo que non a abandonou nunca.

Nunca quixo voltar. Nos últimos anos, cando tiña unha boa posición económica como xubilada, mercou unha casa en Monçao, para estar preto de Galiza, á que segundo ela a unía un sentimento vexetal. Máis nunca volveu. Viviu alí a amargura dos últimos anos, a soidade, as decepcións que chegaron coa transición. E morreu alí o 17 de abril de 1998 e alí ficou para sempre o seu ronsel fecundo, a súa estela de luz, de dignidade, de coraxe e de dor.

 

 

 

xoves 18 agosto 2016


A GALIZA QUE PUIDO SER E A GALIZA DO PORVIR

 

A nao do futuro galego en que nos embarcou o noso amor á Terra, empulada polo noso fervo patriótico e pola nosa firme decisión, chegará felizmente pese a todalas treboadas. Chegará porque rema con ela a nosa espranza, inzan as súas velas os nosos azos redobrados a cada dificultade e vai de timonel a nosa fe consciente do seu deber
Alexandre Bóveda
 
O 28 de abril de 1936 constitúese en Vigo unha sociedade mercantil destinada á elaboración de produtos farmacéuticos, o Instituto Bioquímico Miguel Servet. O promotor desta iniciativa científica e empresarial foi o médico Ramón Obella, militante do Partido Galeguista. Entre os socios fundadores figura Alexandre Bóveda, o mozo que con 26 anos funda e dirixe a caixa de aforros de Pontevedra e con 28 o Partido Galeguista.
O Instituto Miguel Servet é, como Alexandre, un símbolo da Galiza que puido ser. Da Galiza que estaba nacendo na primavera do 36. Froito do pulo transformador daquel tempo de esperanza, o tempo das utopías e dos soños. O tempo dos proxectos e das realizacións. O tempo das Irmandades, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista. Forza de tracción e de transformación, vangarda da Galiza que puido ser.
Despois de xullo do 36, Ramón Obella foxe a Portugal e crea a empresa Zeltia, que se convertíria cos anos, desde aquí, nun emporio farmacéutico internacional, innovador e punteiro, con selos e patentes que xeraron riqueza e salvaron vidas... Hoxe Zeltia xa non é unha empresa galega mais a súa historia ten tamén moito que ver coa Galiza que puido ser.
O Instituto Miguel Servet e Zeltia son froitos da paixón dunha xeración que cría no potencial de Galiza, que imaxinou o futuro e fixo realidade os soños. Ata onde lles deixaron
Porque o fascismo destruiu grande parte daqueles anceios tranformadores. Asasinou as arelas de modernidade e de xustiza, de traballo e prosperidade que levaban no corazón Alexandre Bóveda e Victor Casas, Ánxel Casal e Xohan Carballeira. Cando Galiza se miraba no espello das nacións máis avanzadas de Europa.
Hoxe é un día de lembranza desa Galiza Mártir, masacrada nas cunetas, encerrada nos cárceres, enterrada nos sotos; recluida nos recintos da loucura e do pesadelo; perseguida con saña. É un día de recordo dos homes e mulleres desaparecidos no silencio da Historia oficial.
É día de Memoria, porque non se pode erguer un país sobre o esquecemento, sobre a ocultación do pasado. Sobre a derrota da humanidade e da democracia. Non se pode erguer nada novo sobre a ruína moral, sobre o ermo ético, sobre o sometemento, sobre o olvido.
Milleiros de persoas asasinadas por defenderen a democracia e a liberdade agardan en gavias e tumbas anónimas, e no fondo das rías, que se faga xustiza. Que se saiba a Verdade. E milleiros de homes e mulleres anónimos, condenados no silencio do franquismo e no esquecemento da monarquía parlamentaria, agardan que a historia os faga visíbeis.
Hoxe é un día de Memoria e de Orgullo. De celebración da Galiza resistente, da Galiza combatente. De lembrar que nos deixaron un inxente legado. A herdanza da dignidade e da xenerosidade. Da loita e da coraxe. Da resistencia e da rabia. Da dor e do amor.
Que nos deixaron un país por construir, unha avinza de soños e de esperanza, anceios de xustiza e prosperidade, a Galiza que estaba nacendo, a que puido ser.
Hoxe é tempo de soñar e de crear. De construir un país novo, avanzado, moderno, igualitario. A terra da xustiza social, da solidariedade e da equidade.
María Miramontes
É tempo de mudar o rumbo, de trazar o plano da Galiza do porvir, como querían eles, Alexandre e Amalia. E Victor Casas. E Casal. E María Miramontes, a muller que teceu unha patria coas súas mans de costureira. E as mulleres das Irmandades, as do tempo adverso.
Esa é a mellor homenaxe. Un programa político ambicioso, que poña a Galiza no mapa, entre as nacións máis avanzadas de Europa. Construír ese horizonte de esperanza e de futuro é a razón de ser do nacionalismo, e esa vai seguir sendo a nosa tarefa. Porque non estamos derrotados nin vencidos. Nin vencidos nin vendidos. Estamos en pé, dispostos, preparadas para a loita.
Preparadas para o combate de erguer un pais de terras fértiles, de rías limpas e produtivas. De montes ben xestionados, con diversidade de usos, con vida, protexidos da rapina, do expolio, do lume, da peste do eucalito e de ENCE. 
Un país a pleno rendimento. Con asteleiros coas gradas cheas. Construindo barcos no canto de desfacelos a base de subvencións europeas.
Un pais con banco de terras e banca propia, pública, comprometida co tecido produtivo, a innovación e o desenvolvemento.
Un país coa enerxía do vento e do talento. Da afouteza e da coraxe. Da investigación, do coñecemento, da innovación. A patria da xenómica, da biomedicina, da enxeñaría espacial, da acuicultura... Da ciencia e da conciencia da que naceron Zeltia e mil empresas máis.
Un país que non se rende, que mira lonxe, que quere ser protagonista do seu futuro.
Unha Galiza capaz, valente, ambiciosa, dona de si, coas ás ceibes para voar.
Unha nación como espazo da convivencia e da xustiza, da equidade, do benestar. Da vida digna. Porque non hai mellor política social que a que aposta por poñer o país a producir, por desenvolver todo o seu potencial, por crear riqueza e emprego de calidade e por garantir desde o público servizos e dereitos para toda a poboación.
Un país grande, que non cabe no marco estreito das normas legais. As nosas arelas de transformación, progreso e benestar para Galiza non caben nin no legalismo constitucional  nin no autonomismo sano y bien entendido que santifican outras forzas políticas que se din de esquerdas.
Esta constitución, por certo, é a norma que impón os dogmas do capitalismo depredador: o teito de gasto e o déficit cero, unha modificación acordada polo PP e PSOE, que consagra a política de perda de dereitos e de destrución do público.
Porque ese marco legal é un corsé, un molde ríxido que impide o pleno desenvolvemento das nosas capacidades e potencialidades. Aspiramos a construir un novo marco político, no que Galiza teña un estatus diferente, no que gañe cotas de autogoberno e de capacidade para xestionar os seus recursos en beneficio da maioría.
Reividicamos hoxe esa nación valente, ambiciosa, rebelde, rabuda. Porque non é tempo de mansedume, de resignación, de submisión. É unha época de grandes desafíos que reclama altura de miras, coraxe, risco, atrevemento. E sobre todo orgullo e confianza en nós.
É tempo de soñar e de crear. De mirar atrás para chegar máis lonxe. De construir a Galiza do porvir coa semente da Galiza que puido ser.

mércores 20 xullo 2016

ASASINAR A REPÚBLICA


Hai imaxes que resumen o relato xenocida do fascismo de Galiza. A vontade de destrución, de aniquilación do contrario, de dominación mediante o terror. Son imaxes que contradin versións da historia que falan de Galiza como un territorio conquistado, sometido sen resistencia, no que houbo desde o primeiro momento unha adhesión entusiasta ao novo rexime. A realidade é moi distinta. A Galiza republicana e galeguista foi arrasada polo fascismo. Miles de persoas foron asasinadas nos meses que seguiron ao 20 de xullo, data en que os militares se levantan no noso país contra a República. A maioría eran dirixentes políticos e sindicais, militantes de partidos de esquerda, cuxas vidas e nomes agardan aínda no silencio da Historia. Tamén foron asasinados destacados dirixentes políticos, entre eles os catro gobernadores provinciais e os alcaldes de Coruña, Vigo e Ferrol. Foron vítimas da barbarie fascista altos cargos militares que permaneceron fieis á República ou cando menos non se sumaron ao levantamento. As mulleres de ideais de esquerdas e as que tiñan relación de parentesco con militantes republicanos foron perseguidas con saña: asasinadas, torturadas, encarceradas, e sometidas a agresións sexuais e a castigos e vexacións como a rapa do cabelo.

A fotografía corresponde á celebración nos Cantóns da Coruña do quinto aniversario da proclamación da República, o 14 de abril de 1936, presidida polo gobernador civil, o xoven avogado Francisco Pérez Carballo, de 25 anos, militante de Izquierda Republicana, á dereita na fotografía. Acompáñano no estrado, de esquerda a dereita: Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da cidade, militante de Unión Republicana; o Xeneral de División Enrique Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División Orgánica (Galiza, Asturias e León); Juana Capdevielle, de 26 anos, bibliotecaria, esposa do gobernador civil desde marzo dese mesmo ano. Situado detrás da parella, con barba, o xeneral Rogelio Caridad Pita, gobernador militar de Coruña e xefe da 15ª Brigada de Infantería.
Os cinco foron asasinados despois do 20 de xullo de 1936, nunha secuencia de 4 meses. Francisco Pérez Carballo, que levaba catro meses no cargo, foi fusilado o 25 de xullo. A súa muller, Juana Capdevielle, foi secuestrada, torturada e asasinada en Rábade (Lugo), o 18 de agosto. O 30 do mesmo mes era acribillado no Campo da Rata o alcalde da cidade, Alfredo Suárez Ferrín. Os militares Enrique Salcedo e Rogelio Caridad Pita serían sometidos a senllos consellos de guerra e fusilados no castillo de San Felipe o 9 de novembro de 1936.
Foi así como se instaurou o terror. Para miles de persoas comezou o tempo da dor, do silencio, da ausencia, do espolio, da carraxe. Para outras foi o momento das celebracións, dos desfiles, dos cánticos. O tempo da victoria tinxida de sangue e de odio.

 

mércores 18 maio 2016

Rosario Hernández Diéguez A Calesa


O 19 de decembro de 2015 escribín un artigo sobre Rosario Hernández Diéguez, a moza que foi asasinada no verán do 36 por falanxistas de Vigo por desafiar os camiños marcados, os estigmas, as pexas que lle querían poñer á liberdade das mulleres. Agora, grazas á familia, dispoñemos de máis datos da súa vida, da súa paixón, da súa loita. E tamén sabemos dun asasinato que resume na súa traza cruel e cobarde o rumbo do fascismo xenocida.  E dispoñemos dunha fotografía que lle pon rostro á verdade, á esperanza e á luz que brillaba na mirada limpa dunha moza de 20 anos. Quixeron facela desaparecer do mundo e da historia. Mais agora está con nós e con nós fica para sempre.

Rosario Hernández Diéguez A Calesa
(foto cedida pola familia)
Era unha rapaza de ollos claros e mirada dóce, de ideiais firmes, deportista e solidaria. Tiña 20 anos cumpridos o 17 de febreiro de 1936. Vestía decote unha blusa vermella e un abrigo verde. Vivía cos pais nunha casa humilde da rúa do Pino e traballaba vendendo xornais na rúa do Príncipe, no portal da sociedade recreativa Gimnasio. Simpatizaba co partido socialista e gustaba de ir ás manifestacións e aos mítins, levar bandeiras nos desfiles do primeiro de maio, corear as consignas co puño erguido UHP UHP UHP... Vivía o feliz soño da primavera do 36, entre berros e sorrisos, cando aínda era posíbel a esperanza nas casas proletarias.
Cando o 20 de xullo chegaron os falanxistas e os militares rebeldes á Casa do Pobo de Vigo, seica saíu por unha fiestra e procurou agochos durante semanas. Nos últimos días de xullo e durante o mes de agosto sentiu todo o peso do terror que abalou a cidade, as novas que chegaban dos compañeiros asasinados en Alcabre e Lavadores, as torturas no Frontón, as violacións, as rapas. Sentiu o medo atravesarlle o corpo nas noites de insomnio, nas horas interminábeis de espera, de agonía.
Pasaron corenta días e tamén deron con ela. Fórona buscar á casa na que estaba agochada. Levaron preso o pai, que era ferroviario. A ela levárona ao cuartel da Falanxe, nun coche escuro, entre insultos e ameazas. Seica estivo presa tamén no Frontón, a onde a súa irmá maior Ramona lle levaba todos os días a comida. E palabras de alento, de coraxe, de rábia.
Até que a foron buscar. Aqueles rapaces de boa familia burguesa, valentes de alcool e de odio, ensañáronse coa rapaza que vían portando bandeiras vermellas nas manifestacións. Coa moza que berraba consignas revolucionarias e paseaba orgullosa os emblemas vermellos no corazón da cidade. Aquela moza fermosa e valente representaba todo o mal do mundo, o das mulleres rebeldes, comprometidas e solidarias. Un mal que había que arrincar de raíz, borralo da terra, facelo desaparecer durante xeracións.
Conta a memoria do pobo que a raparon e que a violaron. Que a someteron a horas de humillación, de burlas, de violencia covarde. Que a asasinaron e a mutilaron salvaxemente, que lle cortaron os peitos. E que para ocultar aquel crime horrendo, trasladaron o corpo nun barco e fondeárono amarrado a unha prancha de ferro nas proximidades das illas Cíes.
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou do mar. Nunca voltou daquela noite de infamia, daquelas augas frías, fermosas e profundas. A súa familia non tivo dereito ás bágoas, a unha tumba no cemiterio, a unha lápida onde depositar flores. Porque na inmensa foxa común que foi a ría de Vigo non houbo lápidas, nin flores, nin bágoas. Só ducias de cadáveres mutilados, acribillados, sepultados no fondo do mar amarrados a pandullos, a parrillas das conserva, a pranchas de ferro. Só o silencio interminábel da morte, a escuridade, a friaxe.
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou. Mais agora é tempo de retorno para o seu nome. É tempo de memoria e de xustiza. É tempo de celebrar a alegría daquela rapaza de familia humilde, de facer ondear de novo as bandeiras vermellas, os símbolos da liberdade. É tempo de derrubar os emblemas da opresión, os nomes que lembran a inxustiza, as cruces que celebran a barbarie. É tempo de levar flores ao mar de Vigo, ao mar das Cíes, pola Calesa e por todos os corpos que nunca voltaron.

Fontes
Xoán Carlos Abad Gallego: Cen personaxes en torno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo através dos seus protagonistas, Instituto de Estudios Vigueses, 2008.

Antonio Giráldez Lomba: Tres nombres en el recuerdo de Vigo hace sesenta años: “El Comandante”, “El Rabioso” y “La Calesa”, Glaucopis, 5, 1999.
Notas e lembranzas de Enrique Carril, sobriño neto da Calesa (coa miña inmensa gratitude)
Grazas a Montse Fajardo por compartir a viaxe

domingo 10 abril 2016

O HOME DA BARBA LONGA


O home da barba longa debía andar preto dos 70 anos. Levaba na man dereita unha pelota de goma, coa que facía exercicios para fortalecer as articulacións. Seica lle quedara atrofiada nun dos traslados de prisión, nas laxes frías do cárcere de Cambados, paralizada talvez polo terror ou polas torturas ou pola carraxe de ver aqueles lobos azuis que campaban no verán do 36.
Celestino Poza Cobas
Os pardais pousábanlle nos ombreiros para comer as migallas de pan que recollía na cociña. Camiñaba pola illa-prisión remedando os paseos desde Pontevedra aos Praceres. Andaba de vagar, contando os pasos, agora estou en Mollavao, cheguei a Ponte Muíños, pasei a Igrexa, xa se ve preto a Punta do Cabo e o Hotel, máis lonxe a illa de Tambo... Era a representación humana da bondade, dos ideais nobres que sobrevivían alí, no medio da ría de Vigo, na illa presidio en que vivían recluídos os que coma el loitaran pola república e a liberdade.


O home da barba longa era, antes de xullo do 36, un home rico. Mais sobre todo era un home xeneroso e solidario. Fundara unha empresa de automóbiles e puxera en pé un hospital na rúa dos irmáns Muruais. Fora concelleiro no concello de Pontevedra e elixido deputado pola Fronte Popular en febreiro do 36. Casado con Consuelo Pastrana, o matrimonio tivo seis fillos: Marina, Celestino, Electra, Luis, Consuelo e Aurora.

Cando a igrexa e os militares se fixeron donos de todo, dos bens e da vida, dos soños e da esperanza, o ancián médico republicano, laico e masón, foi detido, encarcerado, torturado, trasladado a distintos cárceres da provincia. Tamén os seus fillos Luís e Tino foron detidos. E os automóbiles e o hospital saqueados e incautados.

O home da barba longa, o amigo dos pardais, foi trasladado á illa de San Simón. Compartiu os días do presidio co seu fillo Tino, médico coma el. Alí recibiron a noticia da condena a morte de Luís, fusilado na Caeira o 12 de novembro do 36. No mesmo mencer tenebroso no que foi fusilado José Adrio Barreiro, casado coa súa filla Aurora. Aquela noite, aquela madrugada infinda de dor e de insomnio, na illa de San Simón, o vello da barba longa e o seu fillo Tino e os amigos máis próximos compartiron as horas sen esperanza no pequeno cuarto do pabillón que ocupaban desde que se negaran a aceptar un lugar de privilexio nas oficinas do cárcere.
Mais houbo privilexios que si aceptaron. O de curar as feridas do corpo e da alma. O de coidar os enfermos. O de animar e consolar aos tristes e derrotados. O privilexio da dignidade, que nunca os abandonou, nin nos peores días daquel tempo infame, cando ían matando, un a un, os compañeiros de loita: Bóveda, Victor Casas, Caamaño, Abraham Zbarski, Telmo Bernárdez...

A dignidade que fixo estremecer a terra baixo os pés o día en que o vello da barba longa e o seu fillo Tino e Evaristo Mosquera e os evanxélicos de Marín se negaron a comungar, na cerimonia relixiosa do día do patrón da illa, o 28 de outubro de 1938. Diante das autoridades militares e relixiosas, naquel día de desfiles e discursos e banda de música, aqueles homes escribiron unha fermosa lección de dignidade e de coraxe. Porque estaban presos si, mais non estaban derrotados.
O home da barba longa, o amigo dos pardais, seguiu escribindo a súa historia de xenerosidade cando chegaron os vellos á illa, inzados de piollos e pulgas, esfameados, desorientados, enfermos e tristes. Foi daquela cando ordenou poñer ao lume grandes potas que empregaban nas cociñas e ferver nelas as roupas daqueles anciáns. E era unha imaxe de espanto a da masa branca de piollos que saian flotando á superficie...

Despois do cárcere, despois da morte que abateu a familia, despois da dor e do expolio, seguiu en pé, loitando sempre na mesma causa. E cando morreu, o 8 de agosto de 1956, aos 88 anos, o seu corpo foi soterrado no cemiterio civil de Pontevedra. E alí segue, faro de luz da Galiza resistente, da república laica e solidaria. Para sempre, Celestino Poza Cobas, o nome da dignidade humana.

 

domingo 27 marzo 2016

Hai imaxes que contan historias


Mercedes Magdalena García, de loito, cos tres fillos,
antes de partir ao exilio
Hai imaxes que contan historias. Imaxes que falan, que berran, que claman, que proclaman. Que reclaman xustiza desde unha distancia de séculos. Imaxes que feren os ollos coa súa dor de cristais rotos.  Imaxes que negan o silencio e brillan co sal das bágoas. Imaxes como cicatrices cosidas nas mans, nos ollos,  na memoria imborrábel de nenas de sete anos. Imaxes fechadas nun barco que saiu da Coruña ou de Lisboa –non hai certeza- coa nai e os tres fillos en 1937, con destino a Buenos Aires.
Hai imaxes que contan historias. Porque non son apenas estampas dun album familiar, son retratos que ficaron atrás para seguir falando, para non calar nunca. Imaxes do silencio e da ausencia e da amargura. E tamén da derrota. Fotogramas en branco e negro dun tempo sen badaladas e  sen cruces.
Hai imaxes que contan historias agochadas tras as bágoas. Gardadas en gavetas durante décadas como actas dunha verdade proscrita, soterrada, negada... Clamor contra o silencio, contra o esquecemento, contra o baleiro implacábel e frío da Historia. Contra a aldraxe e a mentira. Contra todas as mortes por hemorraxia interna, inscritas con letra falsa nos arquivos oficiais.

Esta é a historia de Mercedes Magdalena García, a muller da fotografía, escrita no libro do esquecemento. Comezou no verán do 36, ou moito antes. En Pontevedra, nos anos 30, cando a República alumeaba soños de xustiza en Lérez, en Cerponzóns, en Alba. Na casa familiar do Castelo. Eran anos de solidaridade, de labor fraterno, de empresas colectivas como a Caixa Rural, a Mutua Gandeira, Juventud Lerezana, a Federación Agraria e moitas outras.
Alí estaba Juan Magdalena García, o seu irmán. Era labrego, dirixente agrario, home de conviccións e de compromiso. Estaba casado e tiña tres fillos. Cando o mataron de hemorraxia interna, tiña 36 anos e moita vida por vivir. O seu corpo desfigurado apareceu na mañá do 10 de setembro de 1936 no lugar da Gándara, parroquia de Lérez. No camiño que percorrían as mulleres que levaban á vila o alimento e as novas do terror.

O nome e a historia da muller e os fillos (dous nenos e unha nena) de Juan Magdalena permanecen no silencio, agardando. A historia da irmá, de Mercedes Magdalena, ficou atrapada nunha fotografía. E tamén no relato da súa filla Mercedes Estévez Magdalena, a nena do lado esquerdo do retrato, que tiña sete anos cando en 1937 colleron un barco en Coruña ou Lisboa –non hai certeza-, cando subiron no vapor Antonio Delfino rumbo a un exilio do que nunca voltaron.
Despois de que mataran a Juan Magdalena, os seus irmáns Ángel e Severino, e o seu cuñado Constante –o marido de Mercedes-, sen tempo para as bágoas e o dó, sentiron aquel medo antigo que o circundaba todo, porque eles tamén eran labregos e humildes e combateran na súa mesma causa. Os homes fuxiron a Portugal e desde alí a Buenos Aires. Mercedes ficou soa na casa de Lérez, con tres fillos, con toda a dor, a da morte e a da ausencia.

Foi daquela cando fixo a fotografía, antes de embarcar cos fillos para América. No tempo do loito, mirou fixamente á cámara e púxose a contar a súa historia...
 
PS
Esta fotografía foi recuperada grazas ao extraordinario traballo da Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez. No ano 2014 formou parte da exposición “As mulleres lerezás en imaxes”. Agradézolle a Xosé Álvarez Castro a copia que me fixo chegar, e toda a súa interminábel xenerosidade.
Tempo despois descubrín, no artigo “La imagen de la(s) madre(s). Construcciones identitarias en los procesos migratorios vividos durante la infancia”, de Bárbara Oruño Martínez, o relato de Mercedes Estévez Magdalena, a nena da esquerda na fotografía, sobre a súa nai
A miña nai era analfabeta pero moi intelixente. Tivo sempre unha fortaleza e unha serenidade para facerlle fronte á vida... A miña nai era unha muller moi forte... Eu non lembro para nada nin tela visto chorar, nin ver o velorio do meu tío, pero agora imaxino que a miña nai debía estar moi triste porque de repente asasinan o seu irmán, o marido desaparece da casa e ela queda con tres criaturas...